O venres 10 de decembro alumnado de 3.º ESO do IES Celanova Celso Emilio Ferreiro estivo realizando a actividade “Voamos con números: unha aventura aérea” na Aula Newton Galicia situada no Parque Tecnolóxico de Galicia, Tecnópole, no concello ourensán de San Cibrao das Viñas.
A Aula Newton Galicia é unha iniciativa de divulgación científica que ofrece formación nas áreas de Ciencias, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas (STEM, nas súas siglas en inglés) ao alumnado de Secundaria. Está organizada conxuntamente pola Xunta de Galicia, Boeing, First Scandinavia e Tecnópole.
Para comezar a actividade “Voamos con números: unha aventura aérea” realizamos un traballo previo nas aulas e ao chegar á Aula Newton presentáronnos un vídeo a misión do día mediante unha comunicación co Centro de coordinación de salvamento conxunto (JRCC, nas súas siglas en inglés) e mais o escuadrón 330.
A continuación, dividímonos en catro tripulacións (Alpha, Bravo, Charlie e Delta) para realizar misións de voo e comezar a traballar. En primeiro lugar estabelecemos as prioridades da misión de rescate mediante diversos emprazamentos na rexión de Bodø (Noruega). A seguir, planificamos os nosos propios voos, mediante cálculos matemáticos con unidades, distancia, velocidade e tempo, e finalmente cumprimos a misión de rescate realizando un voo en simuladores de voo avanzados.