Hoxe viaxamos a Compostela para asistir ó acto de entrega de premios do XI Concurso de Traballos por Proxectos na modalidade de Proxectos Interdisciplinares, que convoca a Asesoría de Bibliotecas Escolares. O noso Centro de Interpretación Virtual da Memoria Histórica do IES Celanova Celso Emilio Ferreiro foi merecente deste recoñecemento.
Queremos salientar que é un proxecto con unha participación moi alta de profesorado e alumnado. Posto en marcha polo Departamento de Historia, o equipo de Biblioteca colaborou na súa difusión e coordinou a participación de máis departamentos polo que é un proxecto de todos.
Tamén contamos coa inestimable axuda do Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova.
Por razóns organizativas, unicamente puideron acudir á entrega a directora e a coordinadora da biblioteca, que subiu a recoller o premio. Pero hai moito traballo e moitas máis persoas detrás: grazas a todas elas.









