Benvida
Lonxana Celanova vinculeira,
torre ebúrnea da miña mocidade,
cando te lembro sae da súa toqueira
coma un furón de soños, a saudade…
Celso Emilio Ferreiro
Tomamos prestados estes versos de Celso Emilio Ferreiro para convertelos nun fermoso limiar, pero afastámonos da saudade que destilan, porque a educación e a mocidade son para nós realidades luminosas.
Poida que estudemos, medremos e soñemos dentro dos grosos e vetustos muros do mosteiro, pero toda a súa solidez e a opacidade vólvense transparentes por obra e graza deste espazo virtual, e desde el damos a benvida a quen quixer asomarse ao noso devir diario: libros, programacións, recreos, excursións, laboratorios, conferencias, concertos, encontros, normas, deporte...en definitiva, comunidade e persoas en interacción permanente, como a propia web que agora bota a andar.